Thursday 16 de May de 2024

A Alcaldía mantén na escuridade distintas zonas do municipio co consecuente risco para peóns e vehículos.


Escúdase para iso na futura substitución do mesmo por un de tecnoloxía de baixo consumo que nunca acaba de chegar.

Actualmente en Miño existen distintas zonas do municipio que carecen de iluminación debido á falta de mantemento ou á deterioración producida nos seus elementos por distintos acontecementos meteorolóxicos.

No paseo da Ribeira, con motivo dos últimos temporais, retiráronse varios puntos de luz danados que non se repuxeron. Tamén no acceso a urbanización Costa Miño, mesmo nos viais da mesma urbanización, levan desde o pasado verán en penumbra debido á falta de dilixencia do goberno municipal.

Para Begoña Yáñez a actitude da Alcaldía xustificando a súa incapacidade na xestión deste servizo, básico para os cidadáns, no aforro de enerxía ou na substitución, futura e incerta, do sistema de iluminación, son desculpas de mal pagador.

Para a candidata do Partido Popular á Alcaldía de Miño o historial de incompetencia do alcalde e o seu equipo de goberno- que non foron capaces de aprobar en data un só orzamento municipal- no que a xestión de intereses e servizos públicos refírese, consiste unicamente en colgarse medallas de actuacións emprendidas por outros alcaldes e fai presaxiar que ese problema de iluminación vai persistir no tempo.

“Se quere aforrar enerxía como é que deixa iluminada as instalacións deportivas da Galea toda a noite” pregúntase a candidata popular.

“Se a razón da súa inhibición é a inminente substitución da iluminación actual por outro de tecnoloxía LED que fale de datas, de custos, de bases do contrato de adxudicación, o demais é tomarnos o pelo a todos” manifestou a líder do Partido Popular.